martes, 29 de junio de 2010

MANIFIESTO DEL PSdeG-PSOE EN EL DÍA DEL ORGULLO LGTB 2010

POLÍTICAS PARA TRANSFORMAR

O 28 de xuño afianzouse internacionalmente como a ocasión para a reivindicación global do orgullo e a dignidade de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. É unha boa ocasión para rexeitar a discriminación por xénero, por identidade e por orientación sexual, así como a violencia física e simbólica e mais a opresión a que esta conduce. Un bo momento para denunciar asemade calquera outra situación de discriminación e falta de respecto pola dignidade e os dereitos humanos. É un día de solidariedade e de demandas, expresadas alto e claro.

Este ano queremos recoñecer ás persoas transexuais, que saltaron á vangarda do movemento LGTB para reclamar atención, dereitos e a fin de situacións que lles afectan. As persoas transexuais son un dos colectivos máis excluídos socialmente, como poñen de manifesto os informes elaborados pola Comisión Europea, sendo obxecto dunha importante discriminación nos eidos laboral e educativo. Aínda hoxe se mantén a transexualidade no catálogo de enfermidades mentais da OMS, o que xerou un importante movemento de activistas e profesionais da saúde solicitando a súa eliminación como patoloxía.

Neste sentido, convén sinalar o Acordo do Consello de Ministros do pasado 14 de maio no que solicita á Organización Mundial da Saúde a
eliminación da transexualidade do catálogo de enfermidades mentais durante o proceso de revisión que está a realizar actualmente este organismo, en consonancia cos estudos e a evidencia científica. Así mesmo, convén lembrar que a iniciativa do Ministerio de Sanidade, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde deu luz verde á inclusión da atención á transexualidade na carteira de servizos comúns a través de hospitais de referencia.

É momento de celebrarmos tamén as políticas emprendidas polo Goberno socialista durante os últimos seis anos para transformar a realidade española cara a unha sociedade máis aberta e plural, que valore a diversidade e dea a cada cal o trato e recoñecemento que merece. Nas dúas últimas lexislaturas, as mulleres e homes socialistas impulsamos cambios lexislativos de grande impacto social e xurídico, como o dereito a contraer matrimonio entre persoas do mesmo sexo e o dereito de adopción conxunta, ou a Lei que recoñece o dereito á identidade de xénero das persoas transexuais.

Estas medidas viñeron acompañadas doutras de menor calado social,
pero de igual importancia, como a reparación moral e económica ás vítimas de persecución por orientación sexual e identidade de xénero na ditadura franquista, o respecto á diversidade sexual e familiar mediante a materia de Educación para a Cidadanía, a incorporación da poboación LGTB nos plans estatais de inclusión social, a loita internacional contra a homofobia e polos dereitos das persoas LGTB no mundo, co recoñecemento do 17 de maio como Día contra a Homofobia e Transfobia, a inclusión entre os obxectivos do Plan Director da Cooperación Española 2009-2012 do fortalecemento daquelas organizacións que traballan polo recoñecemento dos dereitos de persoas excluídas por razón da súa orientación sexual, a garantía do dereito á maternidade conxunta das parellas de mulleres lesbianas e bisexuais casadas mediante a modificación da Lei sobre Técnicas de Reprodución Humana Asistida, así como os esforzos en prevención, atención e tratamento do VIH-SIDA, ou a erradicación dos comportamentos homófobos no ámbito deportivo mediante a Lei contra o racismo, a xenofobia e a homofobia no deporte. Medidas que, unha a unha e en conxunto, foron creando un novo marco de dereitos e convivencia que fixeron de España un dos países máis avanzados na garantía de dereitos ás persoas LGTB.

Ao cumprirse o quinto aniversario da entrada en vigor da Lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e o dereito á adopción conxunta, non debemos esquecer que esta Lei, que tanta felicidade e igualdade trouxo ao noso país, segue recorrida ante o Tribunal Constitucional polo Partido Popular. Un partido que se opuxo a todas e cada unha das iniciativas que durante estes anos fixeron avanzar ao noso país en igualdade, dignidade e xustiza.

Valorando os logros teremos máis forza para seguir avanzando cara a unha meirande igualdade real das persoas transexuais, homosexuais e bisexuais na nosa sociedade. Un esforzo de progreso e transformación que terá o seu reflexo na Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación que prepara o Goberno para combater a discriminación de calquera tipo e fomentar a diversidade como un valor primordial que merece protección.

Recoñecendo o traballo e a labor das organizacións de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais que protagonizaron esta loita, e desexando que o PSOE siga a ser o seu mellor aliado para seguir impulsando políticas para transformar, convocamos a todas as mulleres e homes militantes e simpatizantes do Partido Socialista e a toda a sociedade aos actos conmemorativos e reivindicativos do Día do Orgullo LGTB que se convocaron en todo o territorio español e especialmente á manifestación estatal que terá lugar o vindeiro sábado, 3 de xullo, en Madrid.

Santiago, 28 de xuño de 2010.