lunes, 3 de agosto de 2009

Liñas de actuación

Coa posta en marcha deste Grupo Sectorial a nivel provincial vaise centrar o traballo do mesmo en dous colectivos prioritarios e nun contexto complexo.

As mulleres, por un lado, e a mocidade como colectivo, polo outro, e unha firme aposta polo medio rural lgtb galego ourensán como contexto.

As primeiras sempre foron as máis desprotexidas, o que levou a que moitos dos mecanismos que se articularon ó longo destas dúas lexislaturas do progreso viñeran a crear uns mecanismos legais, como a lei orgánica de igualdade efectiva entre homes e mulleres, unha equidade que nin existía e que custou acadala. Baixo o meu punto de vista a visibilidade lésbica tamén vai ser unha prioridade.

A mocidade é quen vai levantar este país e como ben estipula a nosa Constitución traballarei sobre a base de que a educación ten por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana nos principios democráticos de convivencia. É lamentable e algo intolerable que nos tempos que corren e segundo un informe que elaborou a COGAM (Colectivo LGTB de Madrid) no ano 2005 o 30% dos rapazes/zas de entre 18 e 30 anos considere aceptable que se discrimine por razóns de orientación sexual.

No medio rural non se fixo un estudo completo das carencias e necesidades que ese contexto comporta para o colectivo lgtb. Por iso, dende este Grupo que eu teño a honra de Coordinar vaise facer un esforzo que vai requirir a colaboración e cooperación activa das Agrupacións Locais do PSdeG-PSOE a nivel provincial.

O meu traballo vai ser ós poucos. O primeiro paso vai centrarse na elaboración dun censo a nivel provincial e tamén na detección dalgunha anomalía ou incidencia na aplicación da lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, e, de ser así, ao meu pesar, porase de xeito inmediato e sen máis preámbulo unha queixa perante o Valedor do Pobo.

O ano 2009 para os colectivos homosexuais é o ano da diversidade afectivo-sexual na educación e, en palabras do Presidente da FELGTB (Federación Estatal de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais), as cales comparto plenamente, “tenemos ante nosotros un problema concreto ante el que deben demandarse soluciones”. O contexto centrábase en que moitos mozos teñen que vivir mal por ter unha orientación ou identidade diferente, e non debemos esquecernos de que un de cada tres intentos de suicidio entre xente nova desta índole ocorren por un tema relacionado coa afectividade sexual.

No hay comentarios:

Publicar un comentario