miércoles, 10 de noviembre de 2010

“Os socialistas sentímonos orgullosos da Lei do Matrimonio Homosexual e de Interrupción Voluntaria do Embarazo"

Vázquez sinala que en Galicia “Feijóo, Louzán e Baltar son sinónimo de transfuguismo, porque son os que compran as vontades políticas neste país con diñeiro público”


Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2010.- O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, afirmou hoxe que o socialismo galego síntese “orgulloso” da ampliación de dereitos sociais que supuxo a aprobación da Lei de Matrimonio Homosexual e da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e sinalou que “non compartimos para nada que o destino da muller sexa traballar na súa casa”. Vázquez resumiu así a postura do PSdeG tras as palabras de Bieito XVI durante a súa visita a Santiago de Compostela e Barcelona esta fin de semana.


Respecto á visita do Papa a Santiago, Vázquez sinalou que o Goberno galego “perdeu unha oportunidade para poñer a Galicia ante os ollos de todo o mundo” debido a que “estivo máis pendente de ofrecer unha imaxe do Goberno galego e de Feijóo que de Galicia”.


Vázquez apuntou que as palabras de Bieito XVI “non necesitan interpretación” e reiterou a confianza do PSdeG nas políticas sociais do Goberno de Zapatero, e o “orgullo” por ter aprobado leis que da dereitos aos cidadáns independentemente da súa opción sexual ou amplía os dereitos da muller, como a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo.


Engadiu que “non compartimos para nada que o destino da muller sexa traballar na súa casa” e sinalou que “si en España aumenta o laicismo, a Igrexa terá que mirar cara a si mesma para saber por que”.


“A cidadanía galega mandou tamén a súa mensaxe, que deixa claro que a Igrexa ten que ter os cometidos da Igrexa, e o Estado os do Estado”, sinalou.


Engadiu que “non é correcto que a Igrexa fale de cuestións do Estado, mentres que Estado é aconfesional, e como tal ten que ser respectuoso e distante coa Igrexa”. Nesta liña, defendeu que o socialismo galego tivo “un comportamento razoable e de Estado” no recibimento ao Papa, mentres o Goberno galego “desaproveitou unha oportunidade histórica para Galicia”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario