jueves, 26 de noviembre de 2009

Manifesto do Grupo LGTB do PSdeG-PSOE no Día Contra a Violencia de Xénero

Parece contraditorio ter que seguir poñendo días para celebrar causas nun mundo globalizado onde cada quen pode estar ao tanto do que sucede nas antípodas da súa cadeira pero moitas veces esquece que na porta do lado os berros non son de ledicia, senón froito do exercicio de dominación dunha persoa sobre outra.

O día 25 de novembro celébrase o Día Mundial pola Eliminación da Violencia contra a Muller, un problema que lonxe de diminuír, consolídase, enquístase e faise un lastre que semella pesar máis cada día que pasa sen cambios. Ninguén ten dereito a exercer a violencia sobre os/as seus compañeiros/as, e neste día no que se lembra a situación de violencia na que viven moitas mulleres que sofren malos tratos dos seus compañeiros, tamén hai que falar de todo o resto de persoas que viven unha situación de violencia habitual, independentemente do seu sexo biolóxico ou do da súa parella.

Como sector da poboación discriminado por séculos, as xentes homosexuais e transexuais teñen a obriga de sumarse ás reivindicacións das mulleres que toman as rúas neste día, que traballan todo o ano por rematar con esta forma de dominación e inxustiza. O colectivo LGTB ten sido tradicionalmente o que seguiu ao das mulleres en índice de agresións polo simple feito de ser parte dun colectivo que pode chegar a pasar desapercibido se se invisibiliza, forzando así á mesma situación de silencio, de violencia na sombra e de dominación.

Por iso, como colectivo, gustaríanos sumarnos á loita das nosas compañeiras e lembrarnos das que, dentro do colectivo LGTB, sofren violencia a cotío: amas de casa, profesionais de diferentes sectores, traballadoras do sexo e todas aquelas voces silenciadas e maltratadas polo feito de seren consideradas inferiores.

Grupo LGTB do PSdeG-PSOE

No hay comentarios:

Publicar un comentario