miércoles, 7 de octubre de 2009

MANIFIESTO POLA VISIBILIDADE LGTB RURAL‏

As palabras son os ecos da voz que na súa gran maioría esfúmanse co tempo,
os encontros como este son actos que perduran na historia e formaran parte
da nosa memoria. Por primeira vez celebramos un acto tan significativo e
de apoio incondicional á visibilidade rural. Noutros tempos,
afortunadamente xa pasados, isto seria un acto escandaloso e ata
delictivo. Como todos sabemos, a loita pola igualdade dos nosos dereitos,
e con elo me refiro ó colectivo lgtb con respecto ó colectivo
heterosexual, non é algo que comezase fai dous días, é unha loita de
moitos anos que, por fin, vai dando os seus froitos.
O partido socialista na súa primeira lexislatura marcou un punto de
inflexión coa Lei do matrimonio entre homosexuais. Con elo non só
outorgaba a unión legal a través do matrimonio entre persoas da mesma
condición sexual senón que nos facía partícipes dos dereitos que a
Constitución Española xa concedía ós matrimonios heterosexuais, e dos que
desafortunadamente nós, unha parte importante na sociedade, viámonos
privados de ditos dereitos constitucionais. Afortunadamente, esta lei
fainos máis visibles na vida privada e pública neste país.
Por desgraza como sabemos todos inda hoxe un partido político mantén un
recurso no tribunal constitucional contra dita lei e algunha organización
santa e relixiosa séguenos considerando enfermos e apestados.
Hoxe, amigos e amigas, queremos que sexa un día de celebración por todo o
que se acadou, pero non esquezamos que estamos aquí para apoiar á xente
que vive en zonas rurais, e que desgraciadamente inda hoxe nos nosos días
poden sentirse temerosos, o peso lapidario das criticas homófobas que se
verten cara as persoas, pola súa condición sexual.
Queremos que a xente se sinta libre, que se decide compartir co resto da
sociedade a súa condición, non teña o temor de que esta a perder dereitos
como persoa ou se sinta un bicho raro ou un ser desprezable. Neste papel
integrador entramos todos dunha maneira ou outra e sempre apoiando á xente
que decide dar o paso. Os medios de comunicación intégrannos creando
opinión e facendo ver a través do poder informativo a toda a sociedade que
por ter unha condición sexual que a maioría da xente non goza, pero que
unha gran parte de dita sociedade si compartimos. Non somos nin bichos
raros nin enfermos, nin mellores nin peores que o resto da sociedade. Vós,
xente da política, o voso papel é indiscutiblemente fundamental na
integración xa que sodes quen ten o poder de lexislar leis a favor da
igualdade.
As sociedades avanzan, a través da historia podémolo observar, e neste
momento toca vivir en liberdade, pero liberdade que non pode ser total se
seguimos xulgando á xente como bos ou malos, validos ou inútiles pola súa
condición sexual. Vivamos onde vivamos, grandes cidades ou pequenos
núcleos rurais, sexamos libremente visibles, porque desta forma estaremos
contribuíndo a formar unha sociedade máis libre, máis autentica e con
novos valores humanos.
Amigos que estamos hoxe aquí, sigamos loitando por non perder o acadado
ata o momento e por seguir dando pasos firmes cara a integración total na
sociedade. Xente do rural, non teñamos medo a mostrarnos tal e como somos,
pois non cometemos ningún delito con elo, sexamos libres e non permitamos
que as actitudes homófobas duns poucos, nos infundan medo e nos devalan
coma persoas.
Non á homofobia e si á liberdade afectivo sexual, si á liberdade coma
persoas.
Dende aquí fágovos saber que en nós, os socialistas, sempre
atoparedes un apoio incondicional. Estamos aí, coma sempre, respaldando e
apoiando calquera iniciativa en pro de defender os dereitos e liberdades
de todas as persoas.
Desexo enormemente que isto sirva de exemplo para outros partidos
políticos que presumen de ser progresistas ante a sociedade e que cando
lles toca gobernar só se dedican a recortar prestacións e dereitos
sociais. Hoxe é un día de festa e unidade e invítovos a que sexa así, que
gozemos todos dos actos que se celebraran durante esta xornada e que nos
sintamos máis unidos que nunca por unha causa xusta. Amigos e amigas do
rural e das cidades sexamos visibles e loitemos pola nosa visibilidade
persoal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario